Reurbanización do espazo público exterior do mercado de San Agustín
Autores: Jorge García, Fernando Eiroa
Colaboradores: Rafael Calvo
Promotor: Concello da Coruña
Estado: Encargo
A reurbanización do espazo público exterior do Mercado de San Agustín pretende basear a súa estratexia propositiva en tres puntos básicos: a ordenación dos espazos para que estes presenten un maior grao de eficacia funcional, a humanización do espazo público gañando terreo ao tráfico rodado ordinario e alcanzar coa intervención unha linguaxe do que se poida discernir unha lectura histórica da cidade.
A posición do Mercado de San Agustín dentro da cidade histórica, como encrucillada de visuais, como secuencia de espazos, como conexión e estancia, mostra de forma clara o carácter do centro da cidade. O tráfico rodado foi gañando o seu espazo específico, de maneira que na actualidade atopámonos, aos pés do mercado e da igrexa, con elementos subordinados aos medios de transporte que demandan certas servidumes, en detrimento do uso do espazo para actividades urbanas.
A ausencia dun gran espazo unitario dificulta a resposta urbana que require a complexidade de crear espazos de calidade, sen descoidar a necesaria funcionalidade requirida no día a día.
O proxecto pretende a consecución de espazos flexibles coa escala adecuada para o desenvolvemento da vida urbana e comercial, ademais das actividades de lecer ou económicas e, ao mesmo tempo, ordenar a contorna xerando lugares de acollida reconocibles neste singular enclave.
A pavimentación, principalmente con elementos de pedra de diversos tipos, permite a coexistencia do tráfico rodado co peón, rebaixando as velocidades de circulación. Esta solución redunda na sustentabilidade ambiental e no baixo mantemento, ademais de favorecer as relacións visuais e ambientais.
Todo o ámbito de actuación esixe ter en conta os seus límites e as súas posibles relacións, para que o conxunto forme parte dun "todo" coas rúas e prazas existentes, xa que, o obxectivo principal ao que debería aspirar un espazo público urbano, non é outro que ter vitalidade.