Ordenación do Festival do Norte 2014
Autores: Jorge García, Fernando Eiroa
Colaboradores: Rebeca Eiras
Promotor: Producións independentes culturais, S.L.
Estado: Construído e reciclado. Premio COAG 2012-2014 de arquitectura efémera
Tras 13 anos celebrándose na localidade arousá de Vilagarcía, o festival trasládase á paradisíaca Illa de Arousa. Esta renovación do concepto de festival pretende asumir unha filosofía relacionada coa promoción da ecoloxía e da eficiencia. Por iso, utilizarase madeira na ordenación do recinto e no deseño dos seus elementos auxiliares.
A escaseza de tempo para desenvolver un proxecto e a súa posterior montaxe e desmonte, deriva a decisión de traballar con palés mediante un sistema construtivo por fiadas horizontais que permite construír muros e demais pezas.
O sistema combina as vantaxes estruturais tradicionais do palé coa inercia e rixidez conseguida cunha xeometría crebada. Todo iso potencia a estética da repetición de elementos iguais.
O proxecto pretende que os mesmos elementos actúen como estrutura, cerramento e acabado.
Todo o sistema é reciclable e sostible debido a que as pezas se utilizan en réxime de alugueiro, de modo que no proceso de montaxe e desmonte recuperarase un 90 % do material empregado. A obra persegue xerar un sistema urbano de deseño sostible baseado nun concepto construtivo no que se destaquen os aspectos formais, cun enfoque ambiental, económico e de integración coa contorna.