Acondicionamento exterior dos Depósitos de Auga de EMALCSA
Autores: Jorge García, Fernando Eiroa
Promotor: EMALCSA
Estado: Segundo premio en concurso
Os depósitos elevados de auga potable de EMALCSA ocupan determinadas posicións estratéxicas, en canto a localización da trama urbana da cidade. A súa disposición formando parte dos vértices dun triángulo imaxinario, dotan a estas pezas dunha presenza con potencial susceptible de explotar.
A proposta pretende que o grao de integración, relación e mellora da contorna urbana, estea ligado coa visibilidade e o suxestivo diálogo a xerar entre os propios elementos e cos barrios. Desde este punto de vista, potenciar a visibilidade e a condición vertical dos depósitos, xerará neles un certo xiro a ser, o que dalgunha maneira xa son, referencias visuais no skyline coruñés.
A razón, a lóxica e a coherencia construtiva dan como resultado construcións verticais dispostas en topografías elevadas. Aínda que o concepto de presenza é indiscutible, non é obstáculo para resaltar a súa idea de beleza como fito sincero dentro da paisaxe.
A solución exposta aborda o acondicionamento estético a través da visibilidade como estratexia de diálogo e representatividade de áreas. A versatilidade e a percepción dual que existe entre o día e a noite marcan as liñas de actuación.