CONCURSO PARA A REHABILITACIÓN DA RECTORAL DE SANTA CRISTINA DE COBRES. MENCIÓN ESPECIAL

En colaboración con Alberto Seoane Sesar.

Cando o arquitecto deseña un espazo, está a crear un ambiente que exerce unha influencia potencial na forma na que os individuos utilizan ese espazo. Se o deseño non ten a capacidade de permitir comportamentos especiais, entón nunca sucederán. Polo tanto, o espazo debe ser programado para facilitar eses comportamentos desexados.

 

Os criterios de deseño específicos para o fomento da innovación nos espazos pódense resumir como segue:
. Creación de espazos e sub-espazos para actividades especiais, como celebrar reunións, relaxarse, realizar videoconferencias, individuais ou en grupo sen molestar ao resto de usuarios, cursos, etc..
.Estarán agrupados na planta baixa, de forma que permitirán outros usos simultáneos.
.
Localización, en planta alta dos postos de traballo en posición aberta ou pechada, permitindo ambas as dúas posibilidades segundo as necesidades. Deste modo facilítase a integración dos novos emprendedores e ábrense posibilidades colaboradoras que lles permitan aproveitar a experiencia dos veteranos.

 

Os dous materiais, pedra e madeira, unifican e separan, definen e matizan. A madeira diferencia o preexistente e envolve algúns dos espazos que precisan de máis calidez; o máis público, en contacto co exterior, manterá o seu rematado en pedra.
Os novos espazos creados concíbense como grandes mobles de madeira polo que este material se converte no protagonista de chans paredes e teitos, ademais de toda a estrutura que se mantén vista.

 

A catalogación da edificación como Ben de Interese Cultural pon de manifesto a calidade preexistente coa que traballar. A partires de aí, a intención trata de mellorar a calidade dos espazos, construíndo con dous materiais: madeira e luz.
A madeira entronca coa tradición, a historia a mostra como un material sensible coa pedra. Ademais, trátase de configurar sistemas construtivos ecolóxicos e sostibles para encarar o futuro inmediato.
A luz é escasa dentro dun volume de muros portantes de granito como o que nos ocupa, por iso, a nova cuberta completará a iluminación natural dos novos espazos de traballo, buscando a luz cenital a través das novas caixas de madeira.
O proxecto pretende non só aproveitar do mellor xeito os metros cadrados dos que dispoñemos para rehabilitar, senón utilizar a volumetría de cuberta como mecanismo de tratamento dos espazos de traballo dende a perspectiva do seu volume (metros cúbicos).