REHABILITACIÓN DE EDIFICACIÓN PARA INSTALACIÓN HOTELERA. HOTEL REAL RIBADOMAR. CAMBADOS.

En colaboración con Francisco Galiñanes Chaves. Fotografías: Héctor Santos-Díez

Dentro dunha trama urbana de parcelas góticas con hortas traseiras do barrio señorial de Fefiñáns, atópase esta edificación de tipoloxía tradicional protexida polo Plan Especial de Protección e Ordenación do Casco Histórico de Cambados cun nivel de protección integral. Data dos primeiros anos de 1900 cun uso de residencia colectiva tradicional con terciario en planta baixa. Sufriu unha transformación, crecendo unha planta sobre o edificio orixinal e levaba un tempo en estado de abandono.

Despois dun século, a propiedade decide retomar o uso orixinal e proxectar un hotel con local comercial.

A súa situación é privilexiada, na Rúa Real, entre a Praza de Asorey e a emblemática de Fefiñáns, o grande salón urbano de Cambados.

Todos estes espazos de excepcional calidade urbana acollen cada ano o primeiro domingo de agosto a 150.000 persoas na Festa do Albariño, a máis antiga de Galicia e declarada de Interese Turístico Nacional. Este proxecto de rehabilitación para a creación dunha instalación hoteleira pretende xerar un lugar máis dentro deste casco histórico como unha pequena achega de edificio anónimo que conxuntamente con outros conforman o carácter, o ambiente, o intanxible dunha cidade.

Por todo isto a estratexia ideolóxica a seguir no proxecto é o respecto, a recuperación mediante unha actuación "silenciosa", dotándoo dun novo uso que en concepto non cambia. Continuará sendo residencial, a vivenda permanece pero agora como colectiva e temporal. Deste xeito vincúlase o obxecto arquitectónico e o seu interese sociocultural.

Realmente a única actuación nova prodúcese no interior da parcela, no patio, eliminando certas construcións que se foron incorporando sen orde nin planificación ao longo do tempo e que afogaron as hortas traseiras orixinais desta tipoloxía urbana para poder conectar física e visualmente o patio coa rúa.

O resto de elementos, espazos, fachadas, estrutura e escaleira mantéñense inalterables, co concepto de construción en seco con madeira que permita distinguir a arquitectura que perviviu, máis potente. Unha arquitectura forte, sobria, concisa, austera, depurada, pretendidamente sutil e desprovista de xestos gratuítos, lixeira de equipaxe, case núa. Unha construción clara e concisa, sen mesturas.

En xeral trátase de conseguir un conxunto despoxado de ornamentos pero enriquecido pola sinceridade construtiva do proceso de execución para conseguir un ambiente sobrio e repousado.